Wednesday 24 de April de 2024

O goberno local lamenta que a oposición malgaste 1.000 euros das arcas municipais para preguntar polo SAF cando o servizo xa está en marcha


· O contrato do Servizo de Axuda no Fogar adxudicouse no mes de setembro e a empresa comezou a funcionar a principios de novembro.

Tras preto de dúas décadas sen regularizar, o goberno local de Carral adxudicou, en setembro, o SAF (Servizo de Axuda no Fogar). A empresa adxudicataria (A0 Mayores) comezou a traballar a pasada semana, resolvéndose así unha demanda histórica que suporá, non só unhas mellores condicións para o persoal, senón tamén para os propios usuarios e usuarias desta prestación. Ante isto, o goberno local ve “incomprensible” que o PP e a concelleira non adscrita solicitasen un pleno para coñecer o estado da contratación da Axuda no Fogar. Tal e como apuntan desde o equipo de goberno, “a celebración desta sesión tivo un custo de preto de 1.000 euros que saen, directamente, dos petos dos veciños e veciñas. Parécenos lamentable que pedisen este pleno, sobre todo cando tiñan toda a información sobre a contratación ao seu alcance”.

Tal e como se explicou durante a sesión, o contrato do SAF adxudicouse por 1,18 millóns de euros e terá unha vixencia de dous anos -podendo estenderse ata os cinco anos con tres prórrogas dun ano cada unha-. Segundo explicou o equipo de goberno, “a regularización deste servizo foi unha das nosas máximas prioridades cando entramos no Concello, xa que estaba pendente desde había practicamente 20 anos”. Ademais de cumprir coas esixencias do contrato, a adxudicataria ofreceu varias melloras como, por exemplo, servizos anuais de fisioterapia a domicilio, podoloxía, peiteado, manicura, lavandaría, taxi de acompañamento, ingreso temporal nalgún dos recursos da adxudicataria durante 15 días e un máximo de tres veces ao ano, tres prazas durante un mes ao ano no centro de día da compañía adxudicataria, etc.

Durante a súa intervención, o PP lamentou a tardanza na elaboración dos pregos e na licitación do servizo. Desde o goberno local apuntaron que a irrupción da crise sanitaria obrigou a refacer os pregos e, en concreto, a revisión de prezos para axustalos ás novas necesidades xurdidas pola pandemia. En todo caso, o equipo de goberno viu “inconcibible” que o PP fixera referencia aos tempos despois de “ter o servizo sen regularizar durante os 16 anos que gobernou en Carral”.

Durante o pleno preguntouse, así mesmo, polo número de beneficiarios do servizo por dependencia e por libre concorrencia. Tal e como explicou o goberno, actualmente aténdese a 31 persoas por dependencia e a 55 por libre concorrencia. Ademais, estanse a tramitar tres novas altas por dependencia e outras 6 por libre concorrencia. Ante as queixas da concelleira non adscrita sobre os tempos da concesión das axudas á dependencia, o goberno local lembrou que o Concello só realiza a solicitude deste servizo, que depende, directamente, da Xunta de Galicia.

Aprobación estatutos mancomunidade

O Concello celebrou, así mesmo, un pleno extraordinario no que se aprobaron os estatutos da mancomunidade. A proposta recibiu luz verde por unanimidade da corporación municipal.